26 de maio de 2007

APRESAMENTO DE TRES FACCIOSOS NO MUÍÑO DE COUSO

O episodio que recollo nesta entrada aconteceu no decurso das guerras carlistas que en Agolada tiveron importante repercusión e protagonismo.O 12 de outubro de 1835 tivo lugar un forte ataque na feira de Agolada, na que o comandante do cantón de Lalín, Sr. Tizón, con 25 soldados, defendeuse de 300 facciosos, sen perder máis que un sarxento.
Había tres semanas que as tropas de Eidián fusilaran a tres facciosos capturados no muíño de Couso, Borraxeiros, (nas fotos) podendo estes averiguar quen fora o delator (tratábase dun mozo que avisara ao Cantón de Eidián de que no muíño de Couso pernoctaran tres facciosos, que foron collidos con tres mozas, entre as que estaba a noiva do delator, separado dela á forza), do que se apoderaron na mañá do mesmo día 12 e conducírono á feira para executalo na presenza do numeroso público que a ela acudira.
Ver aquela vítima no medio daquelas hienas xa presaxiaba a fin tráxica do drama, que non se fixo esperar moito. Atado de pés e mans, introducíronlle entre a pel e a roupa presadas de pólvora solta; así tendido no chan, inflamárona, deixando carbonizado aquel corpo que só puido exhalar un lastimeiro ¡ai!
Apenas un cento de facciosos consumaran o feroz asasinato, colocando no peito da vítima un rótulo que en grosas letras dicía "Por traidor ao rei D. Carlos", aparece o sentinela que vixiaba a avenida de Ferreiroa noticiando a proximidade das tropas, e sen darse grande présa montaron nos cabalos, e como a un quilómetro de Agolada, camiño de Lugo, paráronse formados en ala como retándoos.
Sen prever as consecuencias, Tizón segue perseguindo ao inimigo en retirada, cando a pouca distancia vese envolto entre unha partida forte de 300 homes dirixidos polo cabecilla Saturnino, monxe que fora en Monforte, que puxo en grande apreto ao seu perseguidor, quen valéndose dunha ben ordeada retirada, puido gañar con grandísimo traballo a Ponte dos Cabalos (foto da dereita), facendo forte do lado de Lalín a súa defensa. Despois de varias intentonas dos facciosos para abrirse paso en dita ponte, sen resultado, e sobrevindo a noite, cesaron as hostilidades sen maiores desastres.

Texto traducido da Reseña histórica del Condado de Deza de Francisco Vilariño García, natural de Muimenta (Lalín), mestre que recolleu nunha libreta de forma manuscrita datos para tecer unha historia da comarca de Deza.
Tratei de ser o máis fiel posible ao texto orixinal, en castelán, evitando corrixir o uso abusivo dos xerundios.

1 comentario:

  1. sería interesante estudar o carlismo en Agolada. Penso que o feito de callar este aquí responde a un tipo de sociedade ruralizada e conservadora que aínda pervive douscentos anos despois. para mostra o acontecido nestes días.

    ResponderEliminar