1 de xuño de 2007

PONTES DE CARMOEGA

Ponte de Carmoega na actualidade. Data dos anos 80 do pasado século.
Ponte de 1931 vista desde a ponte actual. Creo que foi esta ponte a substituíu á medieval. Construíuse a menos de cen metros río abaixo da medieval.
Pear cental da Ponte de 1931, construída polo último alcalde republicano de Agolada, Primo Castro Vila. Consta de tres peares sobre os que se apoiaban raís de ferrocarril e transversalmente sobre estes, travesas de carballo. Enriba das travesas levaba unha capa de terra que lles daba asento ás travesas. Tiña unha elemental varanda cun pasamáns de ferro.


Nos primeiros mapas coñecidos de Galicia (séculos XVI, XVII e XVIII) aparece recollido un único topónimo en todo o concello de Agolada: Carmorga e Ponte Carmorga. O porqué se denominaba Carmorga e non Carmoega éme descoñecido. Por qué só se recolle Carmorga e non Ventosa, Brántega ou Borraxeiros tamén me chama a atención. Algunha circunstancia fixo que naquela época esta parroquia destacase por riba das demais. A casa da Pena, Pazos (podería aludir a algún pazo ou pazos desaparecidos) puideron ter algo que ver nesta relevancia. No Antigo Réxime cando Galicia estaba dividida administrativamente en xurisdicións, a parroquia de Carmoega (con este nome aparece citada no Catastro de De la Ensenada) formaba xurisdición ela soa, sendo dependente da Obra Pía do Sancti Spiritus de Melide. Ou quizais lle dese relevo a importancia da antiga ponte medieval que cruzaba o Arnego por esta parroquia. Logo, nos mapas do XVIII, concretamente no de Fernández Ojea, ademais de Carmorga aparece o topónimo de Tierra de Reboredo.
Os vestixios que quedan da ponte medieval (do século IX) fannos pensar nunha ponte de táboas e vigas de madeira, apoiada sobre dous ou tres peares pétreos, de pedra esquistosa. Dos tres peares queda incompleto o que vos amoso na foto de abaixo, na marxe esquerda do río, do lado de Quián. Encóntrase a uns cen metros río arriba da ponte de formigón que actualmente dá paso á estrada local Brántega-Lalín.
A paraxe da ponte medieval é a que se recolle na foto de arriba. Á esquerda do prado que se ve na foto discorre o río.

1 comentario:

  1. e non será un simple erro ortográfico? Mira que os mapas de hoxe aínda están inzados deles.

    ResponderEliminar