6 de setembro de 2007

PONTE MEDIEVAL DE TOIRIZ (CRUCES)


O río Arnego nace e percorre o seu primeiro tramo enteiramente no concello de Rodeiro ata que chega a terras de Agolada. Na revolta do Turubelo o río vai marcando os lindes do concello de Agolada cos concellos de Lalín, primeiro e Vila de Cruces ata a súa desembocadura. Pero hai dúas excepcións. En Carmoega o concello de Agolada pasa máis alá do río e ocupa as terras de Quián e Santoandré. E hai unha segunda excepción que se produce no fondo da parroquia de Brántega. O territorio cruceño supera o lindeiro marcado polo río abarcando unha estreita franxa desde As Barcias ata a Ponte Balsiña. No mapa de arriba sinalo o río con puntos laranxa e a liña fronteiriza entre os concellos con puntos verdes. O terreo comprendido no medio corresponde ao único espazo que ten Vila de Cruces da outra banda do Arnego. ¡Caprichos administrativos!
Pois ben, neste tramo de río (o que figura na foto)fican os restos arqueolóxicos da Ponte medieval de Toiriz que data do ano 877. Nas fotos inferiores vistas do pear esquerdo. A ponte estaría formada por dous peares, vigas de madeira e grosas táboas.
A continuación reproduzo un fragmento da web de Vila de Cruces.

Con nome procedente do persoal visigótico Teodoricus (vila Teodoricii), Toiriz é a primeira parroquia cruceña que atopa ao seu paso o río Arnego, que aquí movía tres batáns e varios muíños de fariña, e tiña unha das pontes máis antigas da comarca, que daba paso ao camiño real de Santiago a Lugo e facilitaba a comunicación destas terras do Ulla coas de Valquireza, Borraxeiros e Ventosa. Da súa primitiva fábrica, que data do 877, apenas queda máis que o recordo e o lugar, a douscentos metros río abaixo da ponte actual.
O nome da aldea de Mosteiro é o único recordo da casa relixiosa que aquí existía no século XII: baixo a advocación de San Salvador, figura en varias doazóns, ventas e outros documentos da abadía de Sobrado dos Monxes (1164, 1258 e 1275), nos que xa se menciona a igrexa local de San Xoán; a ela pertencen dous capiteis románicos que conserva, moi erosionados, o Museo de Pontevedra. O templo actual é de 1723.
Ademáis de dispor dunha casa de turismo rural, o visitante pode disfrutar en Toiriz dunha área recreativa e doutros espazos actractivos xunto ao seu río, como os que preside A Pena Frisca, coa súa pequena catarata e o seu forno, ou un vello muíño restaurado. E se busca topónimos suxestivos, ten o Monte do Castelo e o de Pena Uleira, ou o Alto dos Castros e Fornelos, con claro recordo estes últimos de xacementos castrexos e de túmulos funerarios.
Na aldea de Barrio veuse celebrando ata mediados do século XIX unha feira anual adicada ao mercado de liño e coñecida como A Feira das Mazarocas. Dada a abundancia que existiu deste produto na comarca, sería moi interesante investigar a súa historia.
Lugares de San Xoan de Tuiriz: Bato, A Cima da Aldea, Fafiás, Foxacos, Fornelos, Madrosende, Mosteiro, A Senra e Sampaio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario