28 de xuño de 2013

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS DO TOPÓNIMO AGOLADA E XENTILICIO

                     Desde o inicio neste blog escollín como tema central o estudo, coñecemento e difusión de todo aquilo que eu xulgo de interese do concello pontevedrés de Agolada. Hoxe traio unhas referencias biliográficas que abundan sobre outras xa publicadas aquí con anterioridade. Todas elas confirman que o topónimo derivado do orixinario medieval latino "Aquam Latam" deturpouse en Agualevada (así o encontramos en 1569) e xa no século XVIII aparece no catastro de De La Ensenada como Agolada. As imaxes con que ilustro este artigo pertencen a dous dicionarios xeográficos publicados en Madrid e Barcelona en 1826 e 1831 respectivamente. Neles recóllese o topónimo Agolada e confirman que era esta a forma empregada naquela época. Nalgún momento da historia (finais do século XIX ou nos principios do XX) aparece castelanizado e segmentado como LA GOLADA. Moito traballo nos costou convencer a algúns de que a restauración do topónimo en AGOLADA por parte da Comisión de Toponimia de Galicia, non era un experimento hiperenxebrista senón a consecuencia dun estudo filolóxico rigoroso e documentado, ás probas bibliográficas nos remitimos. Igualmente insistimos no seu significado amplamente difundido e coñecido  na Enciclopedia Lingüística Hispánica e polo filólogo Abelardo Moralejo Laso: auga levada ou conducida. En Agolada, a condución de auga correspondería a unha canalización do Regueiro cara un muíño próximo ao Pontillón do que posuímos referencias arqueolóxicas, orais e na microtoponimia.
O XENTILICIO
A palabra que designa o lugar de nacemento ou orixe dunha persoa coñécese co nome de xentilicio. Moitos pobos teñen xentilicio, ás veces máis de un. Outros, sen embargo, carecen de tal termo. Verbigracia: Aos naturais de Lugo dicímoslles lugueses (palabra que evolucionou pola vía patrimonial, derivada de Lugo, "raíz lug-") e lucenses (palabra culta derivada do Lucus latino, "raíz luc-"). Cando un pobo carece de xentilicio pode inventalo (as linguas son invencións humanas), pero debe facelo cun criterio lóxico  e sobre todo atender ás indicacións dos filólogos, que para algo estudan e investigan.
Agolense, agoladense, agoladés, aqualatense (acualatense?). Estas catro formas foron utilizadas nalgún momento por diferentes falantes como posibles xentilicios para a localidade de Agolada. Con cal quedarnos? Produto da inquedanza por dar co máis atinado quixen saber máis e púxenme en contacto con Gonzalo Navaza Blanco (presidente da Comisión de Onomástica de Galicia e membro destacado da Comisión de Toponima da Xunta de Galicia, ademais de autor de publicacións varias sobre toponimia e profesor universitario), disto hai xa tres ou catro anos, e falamos longamente de toponimia. Coincidimos en que a forma "agolense", empregada en varios medios de comunicación, non respecta minimamente o topónimo Agolada que ofrece unha raíz "agolad-" (na que conserva o AGO de Aquam e LAD de Latam)  á que se lle poden engadir os sufixos pertinentes. Se buscamos un xentilicio que siga a vía patrimonial poñeriámoslle o sufixo -és para dicir AGOLADÉS e AGOLADESA. Se buscamos un xentilicio que siga a vía culta teriamos que recorrer ao étimo latino AQUALATA  e poñerlle o sufixo culto    -ense e teriamos o xentilicio AQUALATENSE/ACUALATENSE (para ambos xéneros).
AGOL-ENSE non se sostén porque despreza parte da raíz da palabra LADA (levada) e mestura unha raíz  patrimonial cun sufixo culto (dúas vías evolutivas diferentes). O mesmo lle pasa a AGOLADENSE, respecta a raíz patrimonial pero mestúraa co sufixo culto.
Exemplos de xentilicios dúplices (patrimonial e culto):
VIVEIRÉS - VIVARIENSE  ............................de Viveiro
MELIDAO - MELIDENSE...............................de Melide
NEGREIRÉS - NIGRARIENSE ...................... de Negreira
ORTIGUEIRÉS - URTICARIENSE ................ de Ortigueira
...




8 comentarios:

  1. Manolo, hai que entender que para moita xente é difícil recoñecer: Agolada. Para eles sempre foi Golada, e hoxe en día esa xente segue a chamarlle: Golada, digamos que foi unha imposición que durante moitos anos foi asimiliada pola poboación e punto, temos que entender iso. Efectivamente, historicamente o topónimo era Agolada e é Agolada a súa denominación correcta, pero tamén temos que entender que ao longo de moitos anos se lle chamou Golada, e é difícil de cambiar dun día para outro, é cuestión de tempo.
    Un saúdo,
    Luís

    ResponderEliminar
  2. Interesante e aleccionador artigo. Cada día aprendemos algo novo que nos axuda a comprender o entorno que nos arrodea.

    ResponderEliminar
  3. Xa sei que é a interpretación máis estendida, pero eo creo que más que “ auga levada”, o segundo termo, “lata”, máis que o participio do verbo levar ( “ fero, fers, ferre, tuli, latum”) pode ser máis ben que derive do adxectivo “ latus, lata, latum”, ancho, gordo. Así o topónimo significaría “ auga gorda” ( é dicir, auga con xofre), ou tamén lugar húmido con auga estendida, ou sexa, “ sitio brañento”. Todos sabemos que en Agolada abundan os terreos brañentos, e así mesmo hai fontes de augas medicinais.

    ResponderEliminar
  4. Grazas a todos os que deixades aquí o voso parecer e aportación.
    Respecto ao último comentario sobre os diferentes significados do termo LATAM quero responderlle co seguinte:
    - Eu decántome pola opción de "auga conducida ou levada" por varias razóns: pola autoridade de quen así o interpretou (a Encilcopedia Lingüística Hispánica, Abelardo Moralejo Laso e Fernando Cabeza Quiles); porque sei por referencias orais que houbo unha condución pétrea no seu último tramo para levar a auga do Regueiro a un muíño hoxe desaparecido, pero do que se garda memoria e constancia nos microtopónimos Prado do Muíño e Camiño do Muíño; porque en 1569 aparece citada documentamentalmente a única casa do lugar e noméase como Pousa de Agualevada.
    O de auga brañenta (que enchoupa os terreos brañentos)tería tamén moita lóxica en Agolada, pero xa digo, polo exposto anteriormente decántome maiormente pola opción conducida ou levada.
    En calquera caso grazas pola aportación e máis a luz que poñemos sobre a orixe do topónimo que nos acolle como localidade e como concello.

    ResponderEliminar
  5. Aínda que un servidor hai moito tempo que non vai a misa ningunha, o que di o estudoso Manuel Busto vai a misa, ademais nesta ocasión mesmo indica onde puido estar esa levada ou canal artificial que levaría a auga dende O Regueiro cara a un muíño hoxe desaparecido, pero aínda presente no microtopónimo Prado do Muíño. En canto ao posible significado de Agolada igual a auga ancha, penso que non é posible, aínda que si o sexa, por exemplo, no topónimo catalán Peralada, proveniente de petra lata= pedra ancha.Por outra banda,paréceme encomiable o cariño e o amor que sente Manolo Busto pola súa terra; os meus parabéns e admiración.

    ResponderEliminar
  6. Grazas a Fernando Cabeza Quiles polo seu comentario e aportación e pola deferencia de visitar esta páxina e tamén polas verbas de loanza.

    ResponderEliminar
  7. Paréceme moi ben Fernando, curiosamente e o mesmo que ti defendes ( "Os nomes da terra. Topónimos galegos" Ed. Toxosoutos, p. 201), pero iso de que ten que ir a misa, paréceme moi forte, xa sabes, nesta vida todo é discutible, e mais no tema o que nos referimos. O que hoxe e branco, mañá pode ser mais negro co pecado.

    ResponderEliminar
  8. E mesmo o pecado non ten por que ser negro. Con todo, penso que a miña -e doutros autores coincidintes- explicación ten moitas, moitas posibilidades de ser certa.

    ResponderEliminar