4 de outubro de 2013

GALLETAS OLLADAS POR TON VAN VLIET

A finais dos anos 70, dous mociños holandeses aterraron en territorio aqualatense por puro azar. Ou quizais fose o feitizo engaiolante do Arnego de augas límpidas e frescas quen os retivo nese momento crucial das decisións. Viñan de Santiago e ían cara a Lugo. Pararon a xantar e alí xermolou unha amizade e un compromiso que dura xa case corenta anos. Ton e Jeroen. Ton volvería en anos consecutivos. Jeroen seguiu outros vieiros. Ton van Vliet, o fotógrafo que amaba retratar o noso rural, as aldeas, os labregos, os traballos. Fotógrafo e etnógrafo para a posteridade. As súas imaxes son agora un tesouro que agradecemos e valoramos. Ton fixo centos de fotos, algunhas extraviáronse en caixóns inxentes de imaxes. Naquel momento, quen os coñecemos e amigamos ficabamos sorprendidos co número de instantáneas e carretes para revelar. Agora, eu valoro a súa mirada, a súa visión de estranxeiro fascinado polos traballos manuais do campo, case prehistoria. O engado plástico das galletas. Ver aos labregos brandindo orgullosos o apeiro das gallas metálicas cal Poseidóns de océanos a centeo, retratalos coma gladiadores loitando coas gavelas no anfiteatro dos toxos, guerreiros victoriosos, vencedores esgotados nas seituras de herba seca e pantrigo. Batalladores de Vilariño da Eirexe onda os Sucasas e os de Negro, soldados aguerridos onde Pepe de Celia de Santa Mariña. Para todos eles esta lembranza fotográfica e para o Ton unha aperta agarimosa deica Terborg (Nederland), desde onde segue fielmente esta páxina e porque se alertou namentres estivo inactiva por medo a que desaparecese definitivamente. Escribiume para me dicir que este é o cordón umbilical que aínda o mantén unido a Agolada. Vaia para el logo esta entrada con recoñecemento e afecto.

6 comentarios:

  1. Claro que teñen forza esas imaxes. E tanto que si!. Como tamén a teñen esas palabras túas sobre os nosos "Poseidóns dos agros (...) coas gavelas no anfiteatro dos toxos".

    Alédame o teu retorno. Aquam Latam é un dos meus referentes blogueiros. Todo canto mal lle aconteza, á Chousa da Alcandra lle acontece.

    Apertas dende este lado do Marco

    ResponderEliminar
  2. Manuel, que tengo decir más que mucho gracias. Agolada es parte de mi vida. No puedo olvidar vosotros.

    Aperta desde Terborg

    Ton

    ResponderEliminar
  3. Alégrome da volta,non sabes canto.As fotos de Ton son a viva memoria da miña nenez, boísimas.

    Apertas,

    Javier do Civil

    ResponderEliminar
  4. Moi boas fotos e moi bos comentarios,ánimo Manolo, neste noso pobo cainita.

    ResponderEliminar
  5. Debemos muito a estes fotógrafos que retrataron e retratan o que lles choca de nós e que nos fai diferentes deles.

    ResponderEliminar
  6. Moitas grazas a Ton de Terbog polas súas fotos que nos levan, a nós mesmos que aínda o lembramos, a un mundo xa desaparecido.

    (e a ti, por estares)

    ResponderEliminar