11 de xullo de 2016

V MOSTRA CORAZÓN DA ARTESANÍA

Imos pola quinta edición da marabillosa Mostra de Artesanía da Consellería de Industria e Turismo. Leva as trazas de consolidarse nos Pendellos de Agolada. Desde logo, non parece que a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño escatime esforzos e investimento.
Tamén vén sendo habitual que despois deste evento, eu traslade aquí algunhas impresións, por se a alguén lle interesan. E sempre con ánimo construtivo.
Sendo todas as perspectivas da Mostra interesantes, a min o que me motiva (debido á miña pertenza ao Colectivo BaluArte, que traballa de maneira altruísta pola recuperación e revitalización dos Pendellos de Agolada) é máis o continente que o contido: o escenario, a arquitectura dos Pendellos, como espazo funcional para os usos actuais. E desde ese ángulo debo expresar que hai unha opinión bastante estendida da idoneidade do recinto para expoñer a artesanía e para os talleres en vivo. A polivalencia dos diferentes pendellos queda suficientemente demostrada.
Quero apuntar posibles melloras: a reconstrución do Paseo da Parranda e os seus pendellos expositores de pedra, cos seus tellados pendurados sobre esteos monolíticos. Opino que esta sería unha mellora importante, primeiro, pola recuperación histórica desta rúa (a principal vía dos Pendellos); segundo, pola cohesión e harmonización das construcións de ambas marxes; terceiro, porque a artesanía ou os produtos grastronómicos ganarían en presenza, en estética, en frescura (pola sombra dos tellados no canto da sombra das lonas dos tenderetes).
Outra mellora: Despois de preguntar e observar os diferentes pavimentos interiores das casetas-almacén escoitei, e eu mesmo opino igual, que os tempos e usos actuais demandan mellor a pedra serrada que non a terra batida.
Outra novidade introducida pola Consellería foron as papeleiras provisionais: Iso parece indicar que hai que estudar a procedencia de colocar algúns elementos deste tipo nas canellas (estudar materiais e formatos).
Outra reflexión que sempre escoito: tres días de intensa actividade preceden ao silencio dos días seguintes. Isto para expresar a reivindicación dun uso permanente, alomenos dos espazos máis funcionais.
Non me toca a min valorar a concorrencia de público nin o negocio xerado. Tampouco procede que fale de cursos e degustacións. Quizais deba incidir nas carencias da hostelería local (que un evento deste tipo necesita e pon en evidencia). Precísanse máis restaurantes, mesóns, cafeterías, pousadas, hostais... (que os cartos queden na vila e que non haxa necesidade de traer carpas e caterings foráneos).
A Mostra e o numeroso público que acode tamén, por simple contraste, nos fai reflexionar sobre o despoboamento e desertización demográfica que vai colonizando a vila e as aldeas dunha maneira inexorable. Levo anos dicindo  en diferentes foros que o estoicismo e a inacción non son a maneira de loitar contra este cancro que destrúe os pobos do interior. Hai medidas (quizais máis paliativas que curativas) que se poderían acometer con imaxinación e tesón: o asociacionismo, o cooperativismo, o emprendemento, afortalarse na unión e non destruírse nin esparexerse na maledicencia gratuíta e impune, tan propia dos falabaratos de tabernas, nin na indolencia hipócrita de quen carece de inciativas e culpa de todos os males aos políticos de turno.
 Pendello da música: Seivane, Sanín ...

 Arte e coloquios no vello muíño do Benito (na imaxe Irene Grau e Álvaro Negro)
 Excelente idea a de aproveitar a sombra dos plátanos da praza para instalar  un fermoso comedor-terraza.
 Palmira Castro que trae a papiroflexia desde Sardiñeiro.
 Talla de madeira de oliveira.

 Pendello oleiro
 Pendello zoqueiro de Elena Ferro.
 Música tradicional no cerne das canellas.
 Susana Seivane tamén gasta zocos.
 Torno oleiro.
 Pendello orfebre.

 Eduardo Meijomence non falta á cita co seu acordeón.
 Artesanía do xunco.

 Taller de ritmo e percusión.
 Taller de cestería na Capela das Virtudes.
 Pendello do traxe tradicional e dos teares.



 Tear
 A Parranda e os tenderetes alóctonos.
 Parella pétrea. Taller canteiro.
 A ventá indiscreta dun pendello.
 Pendello de elaboración do papel.

 Concerto da gaiteira Susana Seivane.

 Moitos destacaron a fermosura da Praza. Lamento que non houbese máis público, e non era pouco.
 Tenderetes de produtos gastronómicos. Moitas novidades sorprendentes.

Pendello O Paladar: degustacións de tapiñas (chámanlles cunha palabra inglesa que non quero reproducir porque o galego tamén ten palabras. Que manía esta de chamarlle ás nosas cousas en inglés!) a cargo de cociñeiros galegos. 

 Pendello con taller e curso de restauración de sillas.
A Radio Galega emitindo en directo desde  Agolada o venres. A TVG fixo o programa Aquí Galicia o sábado, tres horas de televisión en directo desde Agolada, periodistas varios, conselleiros, directores xerais, artistas, músicos, artesáns...Un luxo!
Última reflexión: Agolada e a comarca de Deza debemos estar agradecidos por que se teñan fixado en nós para celebrar aquí este evento. Se non tivésemos os Pendellos restaurados, isto non  estaba aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario