11 de decembro de 2016

AS DIFERENZAS DE 60 ANOS NA XEOGRAFÍA RURAL


As posibilidades que nos ofrece a Xunta co seu amplo catálogo de imaxes permítennos analizar áreas xeográficas concretas e observar os cambios habidos nos últimos 60 anos. Escollín, case ao chou, este fragmento da parroquia de Artoño (Agolada). Nela podemos observar os núcleos poboacionais con moi poucas modificacións. As novas construcións destes 60 últimos anos corresponden maiormente a granxas e palleiras. Tamén se advirte rapidamente a mellora das vías de comunicación, coa aparición do asfalto e a apertura de novas pistas.
Pero o que a min máis me capta a atención é o aumento da masa forestal e a desfiguración do puzle agrario. O minifundismo, case que invariable, e o abandono de algúns eidos favorecen o avance do mato e da masa forestal. Estamos no proceso inverso do que foi a colonización e roturación das terras. O bosque adónase da xeografía, volve a retomar o territorio que de orixe lle correspondía. É iso malo en si mesmo? Vénme a dúbida porque outras zonas láianse da desaparición dos bosques. Aquí o lamento podería entoarse pola perda de terreo agrario conquistado ao longo dos séculos.
Todas as aldeas das imaxes son da parroquia de Artoño, agás Costela que pertence a Bais. Cendoi é unha illa agraria, paradigma das vilas primixenias, unha soa casa coas súas construcións adxectivas, rodeada de leiras e prados no inmediato e o bosque perimetral circundando as terras cultivadas e a soidade do lugar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario