2 de febreiro de 2017

XENTILICIOS DA COMARCA DE DEZA

Ofrecemos aquí as propostas xentílicas da comarca de Deza que Xosé-Henrique Costas González recolle no seu libro. E comprácenos comprobar as coincidencias co que neste blog propoñiamos hai anos para os xentilicios de Agolada.

O pasado ano 2016, o profesor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, publicaba o libro "Os xentilicios de Galicia". Nel aborda un tema certamente necesitado de ser estudado e divulgado desde unha posición autorizada e con coñecementos filolóxicos: OS XENTILICIOS  (nomes ou adxectivos que derivan dos topónimos para indicar o lugar de orixe dunha persoa) DE GALICIA. El presenta o tema e propón a corrección dos xentilicios coma un cortalumes preventivo fronte ás deformacións e invencións que se teñen producido nos últimos anos neste campo lexicográfico. E responsabiliza destas ocorrencias sen criterio maiormente á prensa de Galicia e a todos aqueles que nunca cuestionaron estes xentilicios aberrantes.
Sabe que as súas propostas son arriscadas e mesmo ousadas, pero abórdaas desde a súa competencia profesional, o coñecemento do idioma, desde o estudo e coas suxestións de significados compañeiros coma Gonzalo Navaza Blanco, presidente da Comisión de Onomástica de Galicia.
Asemade propón que sexan o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, conxuntamente coa Asociación Galega de Onomástica, quen elaboren, fixen e distribúan unha listaxe completa e correcta de xentilicios recomendables, admisibles e inadmisibles. Namentres iso non ocorra, aquí está a súa interesante e meditada proposta.



Ningún comentario:

Publicar un comentario