12 de marzo de 2017

CASTELAO NOS PENDELLOS DE AGOLADA XUNTO A OUTROS MEMBROS DO SEG

 É público e sabido que o Seminario de Estudos Galegos  (SEG) tivo como principal obxectivo o estudo e divulgación do patrimonio cultural galego, tratando de suplir as carencias que neste campo observaban na universidade compostelá. Para acadar ese obxectivo comezaron o estudo multidisciplinar da Terra de Melide, que culminou cunha amplísima publicación.
Arredor de 1929 comezaron as xeiras de traballo, coñecemento e estudo da comarca de Deza. Na imaxe que segue a estas liñas podemos ver unha boa parte dos membros do Seminario fotografados diante da casa de D. Ramón María Aller, o insigne crego e astrónomo de Lalín.
Sabiamos desde hai anos que D. Vicente Risco visitara os Pendellos de Agolada e que naquela ocasión obtivera varias fotografías do recinto, das que conservamos cinco. Tamén sabiamos que Otero Pedrayo e Filgueira Valverde os coñecían. Intuïamos que tamén estiveran alí outros membros do Seminario, pero era este un dato non confirmado. Agora vimos de saber dunha visita que fixeron en 1929, guiados por Otero Pedrayo, varios membros do SEG. Nela estaban ademais do "señor de Trasalba", Castelao, Filgueira Valverde, Xesús Carro e Sebastián González.
O pasado venres, na presentación do libro de Luz Méndez "Toponimia de Agolada", o Colectivo Baluarte ofreceu unha visita guiada aos ilustres visitantes da Real Academia Galega, da Asociación Galega de Onomástica e da Deputación de Pontevedra. Na fin da visita, o académico D. Xesús Ferro Ruibal, que acudira cun libro debaixo do brazo (literalmente dito, como ben pode observarse no centro da seguinte imaxe), ofreceume un artigo que aparece en dito libro, ADRAL de D. Xosé Filgueira Valverde, o cal descoñecía e que lle agradecín de corazón.
 VELAQUÍ O ARTIGO DO 26 DE AGOSTO DE 1979:

- No artigo cítase a Otero Pedrayo como cantor dos vellos feirais de Galicia. Filgueira especula coa tristeza e coas bágoas que Otero Pedrayo derramaría ante a derrubo do Paseo da Parranda e outros pendellos no ano 1979.
- Fala do recinto de Agolada como "o máis vello de Galicia" (Sendo isto inexacto, non deixo de entrever que quería resaltar a importancia deste antigo mercado).
- Sorpréndeme especialmente a sensibilidade que amosaron e que os propios agoladeses tardaran máis de medio século en ter parecida sensibilidade para con este conxunto arquitectónico e etnográfico.
- Filgueira explica moi ben, xa en 1979, a principal causa do derrubo de pendellos en diferentes localidades: "Ao medraren as urbes desfixeron e foron arredando os mercados".

- É de destacar que xa Filgueira Valverde soubera advertir en 1979 a importancia dos camiños aqualatenses e fala dela como "unha estraña vila itineraria".
- Quero destacar tamén esta aseveración categórica de Filgueira Valverde naquela triste data da desfeita da Parranda: "Agolada estrizou o mellor, o único! que tiña de seu, que a distinguía de calquera outro lugar do mundo, coma quen derrama toda a súa facenda.

Grazas, D. Xesús Ferro Ruibal. Como agradezo este artigo!
Para darlle remate a isto convén recordar que D. Xosé Filgueira Valverde, que pertencía daquela á Delegación Provincial de Bellas Artes, foi o máis firme impulsor da declaración de Conxunto Histórico-Artístico para os Pendellos de Agolada para frear a depredación destas humildes construcións. Isto faríase realidade en 1985.

Na seguinte fotografía dos Pendellos, obtida por D. Vicente Risco naquel mesmo ano 1929, ofrecemos o Paseo da Parranda tal e como o puideron ver CASTELAO, OTERO PEDRAYO, FILGUEIRA VALVERDE, SEBASTIÁN GONZÁLEZ E XESÚS CARRO:

1 comentario:

  1. Algúns datos máis que poden axudar a contextulizar...
    http://dezahistorias.blogaliza.org/2015/05/17/filgueira-valverde-e-o-seg-na-terra-de-deza/

    ResponderEliminar