27 de marzo de 2017

INSUA NO RÍO ARNEGO PRÓXIMA Á PONTE DOS CABALOS

O río Arnego ademais dun nome antigo posúe un destacable atractivo natural. Entre as súas peculiaridades conta cunha insua de vastas dimensións, feito que sorprende no curso medio dun río de caudal mediano. A insua posúe 145 metros de lonxitude por 48 de máxima anchura. Na cabeceira e no remate da canle esquerda áchanse senllas tostas para elevar o caudal e conducilo a un muíño moi próximo.
A superficie da insua é bastante plana e nela crece un bosque mixto, no que predominan os carballos, xunto a ameneiros , bidueiros e piñeiros.
O entorno da insua conta con outros lugares que a historia lles deu relevo: a ponte medieval do ano 970, chamada Ponte dos Cabalos. Confiamos nas anunciadas obras de restauración desta ponte para rescatala da deterioración que sofre. Non lonxe da ponte está o castro de Parada (Lalín), o cal conserva en bastante bo estado as murallas da croa e do antecastro. Outro dato destacable deste castro e a forte defensa que presenta na ladeira que dá ao río Arnego, polo pronunciado da pendente. Tamén neste entorno hai resurxencias de augas termais de temperaturas mornas. E un pouco máis afastado, no camiño cara a Ferreiroa está o lugar coñecido como a Regueira do Ferro, quizais en alusión á extracción de mineral deste metal para a ferrería que no pasado existiu en Ferreiroa (Agolada).
O que motiva hoxe esta entrada é o mapa que ofrecemos como cabeceira, dado que é dos que eu coñezo o que mellor permite observar a insua desde o aire.

1 comentario:

  1. Moi interesante. Como todas as entradas que fas neste blog.
    Moitas grazas

    ResponderEliminar