27 de abril de 2017

FEIRA DE O TELLADO (O IRIXO)

No concello de O Irixo celebrouse no pasado unha importante feira na aldea de O Tellado, pertencente á parroquia de San Cosme de Cusanca. O transitado camiño dos arrieiros  pasaba polas inmediacións, pola parroquia de Santa María do Campo, onde cruzaba o río Viñao na ponte das Campinas. O Tellado estaba preto deste camiño, nunha derivación que levaba ás terras de Dozón.
Ao amparo dunha mesta e fermosa carballeira a contorna de O Irixo celebrou a feira os días 2 e 17 de cada mes.
Na imaxe de arriba aparece a aldea e o campo da feira de O Tellado en 1956 (Imaxe do voo americano). Na imaxe que segue vemos a mesma aldea en 2014, na que pode observarse como a vía do AVE rompeu, cunha enorme ponte voada sobre o campo, a fisionomía do lugar.

 Ponte do AVE na entrada de O Tellado segundo se baixa das terras de Dozón.
 Carballeira da feira.
 O recinto de O Tellado contou tamén con varios pendellos para dar abeiro aos feirantes. Na imaxe anterior e nas tres seguintes vemos o mesmo pendello-expositor do que se conservan mostradores e esteos. Presenta o tellado caído.

 A razón da ruína destas construcións, aquí no Tellado, hai que buscala no abandono da feira e non como consecuencia do desenrolo urbanístico da aldea.

 Outro pendello-expositor con mostrador, contramostrador e esteos. No seu interior medra un sabugueiro.
Hai xa bastantes anos que aquí non se celebran as feiras de antano. Como secuela daquelas concentracións humanas queda na actualidade a celebración dunha feira do cabalo cada mes de agosto, que máis ben se trata dunha concentración con competicións varias que teñen como protagonista ao cabalo.
 Varias bancadas exentas áchanse repartidas polo campo.
 Traseira dun pendello-expositor, que na actualidade foi pechado cun muro de bloques.

Estes barracóns de bloques son en realidade antigos pendellos-expositores, dos que se conservan as traseiras, os mostradores e os esteos frontais. Para lles dar novo uso pecháronse as paredes frontais e laterais cun muro de bloques. O fibrocemento do tellado tamén é unha solución actual para recuperar os tellados caídos.
 Esteos doutros pendellos-expositores.
 No medio do campo áchase unha pequena capela dedicada a San Antón.

 Pendello-comedor, que funcionou como bar ata tempos recentes.
 Na beira da estrada creceu a aldea con casas e pendellos orientados á feira.

 Cruceiro na carballeira que está ao norte da estrada que divide O Tellado en dúas metades.
Carballeira do lado norte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario