11 de maio de 2017

AS SETE PRINCIPAIS ENCRUCILLADAS DE DEZA NO MAPA DE DOMINGO FONTÁN (1834)

En 1834 Galicia coñecía o froito de 17 anos de traballo do xeógrafo de Portas (Pontevedra): o seu coñecido mapa de Galicia, denominado por el como Carta Xeométrica. Na súa Carta Xeométrica de Galicia acadou tal nivel de detalle que só sería superado 120 anos máis tarde coa fotogrametría aérea.
No seu mapa, Fontán recolle topónimos de localidades, os principais accidentes orográficos e a hidrografía dos ríos principais, xunto á oronimia e a hidronimia. Dándolle cohesión a ese territorio, que el percorreu a pé e a cabalo durante eses 17 anos, están sinalados os principais camiños da época. Entendemos que a maioría dos camiños por el referenciados serían os que entón se coñecían como camiños reais e que prescindiría de recoller os camiños locais ou veciñais.
Unha observación atenta da devandita Carta Xeométrica, centrada na comarca de Deza, permite ver a evolución das vías de comunicación e distinguir cales eran as principais ENCRUCILLADAS, eses nós de comunicación que antano foron lugares moi frecuentados por viandantes, carruaxes, cabalerías e arrieiros. Igualmente nos permite valorar como algúns importantes cruzamentos de camiños foron perdendo aquela antiga preeminencia en favor doutras novas vías abertas no decurso dos anos.

Das sete principais encrucilladas destaca por nome e por número de vías referenciadas por Fontán, AS CRUCES, onde confluían de modo radial sete camiños ( polo norte buscaba a Ponte San Xusto cara a Arzúa e Boimorto, polo leste saía un camiño real que ía á Ponte Toiriz,  Brántega, Órrea, Bais, Facha, Gradoi, Dorra e chegaba a Monterroso; polo surleste saía un camiño que subía a Agoleta, O Vento e Lalín ou Lagoa do Cepo pasando previamente por Albarellos; polo sur saía un camiño que pasaba por Besexos, Oirós, Bodaño, Losón, O Corpiño, Madriñán, Noceda e Prado; polo suroeste saía camiño cara a Fontao, Carboeiro, Bandeira e Cervaña. Polo oeste saía un vieiro que pasaba por Sabrexo, Merza, Bascuas, Camanzo e  despois de cruzar a Ponte Ledesma en Gres, seguía cara a Santiago. Un sétimo camiño dirixíase a Carbia, onde se bifurcaba a  Camanzo ou á Ponte Basebe para acadar as terras de Touro).
Na LAGOA DO CEPO, en Vilarello-Dozón, confluían seis camiños de longo percorrido. Do seu pasado esplendor quédanos hoxe a memoria e esta constatación de Fontán. Saía un camiño, polo norte cara a Agolada pasando por A Rocha, Alemparte, Pedroso, Axiaz, Ventosa. Outro camiño dirixíase a Rodeiro previo paso por Álceme. Outro camiño saía polo leste pasando pola Ponte Sanlés, Carboentes, Baroncelle, Couso e cruzaba unha portela na serra do Faro para dirixirse a Chantada. Cara ao sur partía un camiño que subía á Pena de Francia, baixaba a Coiras e a Piñor e a Cea para dirixirse a Ourense. Máis polo suroeste partía outra vía que pasaba por O Castro de Dozón e bordeaba a serra da Madanela para arribar a O Carballiño. O sexto camiño da encrucillada dirixíase por Albarellos e Goiás ao nó de O Vento, onde as derivacións ofrecían seis alternativas.
A terceira encrucillada das tres máis importantes era o lugar de O VENTO na parroquia de Bermés (Lalín). De aquí partía polo norte camiño cara As Cruces, polo norleste unha importante vía de orixe romana e medieval que baixaba a Ponte Vilariño e dirixíase por Agolada cara as terras de Monterroso. Outra vía partía polo leste,  baixaba a Moimenta e seguía por Parada, Ponte dos Cabalos, Ventosa, Aldea do Monte, cruzaba o Farelo polo lugar de O Seixo e baixaba a A Somoza para continuar cara a Taboada. Polo surleste un camiño pasaba por Goiás, Albarellos, Lagoa do Cepo e buscaba Chantada. Polo sur partía o camiño que arribaba a Lalín. Polo oeste partía o camiño real que continuaba por Santiso, Bendoiro, Prado e cruzaba a Ponte Taboada. Esta sería a mesma vía antiga que viña desde Agolada e buscaba as terras de Caldas de Reis por A Estrada e Cuntis.
AGOLADA foi tamén importante encrucillada, onde confluíron desde hai séculos camiños relevantes. Fontán referencia cinco. Un partía cara o norte pasando por Borraxeiros, Artoño e Berredo, onde se bifurcaba buscando dúas pontes sobre o Ulla: pola dereita cruzaba Ponte da Cornella (Ponte Arcediago) e dirixíase a terras de Melide e seguía cara a Curtis e Betanzos; pola esquerda buscaba a Ponte de Mourazos e seguía por terras de Santiso cara Arzúa. Polo leste de Agolada partía o camiño que pasaba por As Trabancas, O Marco, Antas de Ulla e Monterroso. Seguía cara a Lugo. Este último camiño é identificado con argumentos sólidos polos máis acreditados arqueólogos como a antiga calzada romana Vía XIX. Polo sur de Agolada saía o camiño que se dirixía á Ponte Pedroso para continuar cara a terras ourensás. Na Lagoa do Cepo bifurcábase cara Ourense ou cara O Carballiño. Polo oeste partía o antigo camiño cara a Ponte Vilariño, O Vento, a Ponte Taboada, A Estrada, Cuntis, Caldas de Reis. E polo noroeste baixaba ao Arnego, cruzaba a ponte Toiriz e dirixíase a As Cruces para continuar pola Ponte Ledesma.
 LALÍN  era tamén unha importante encrucillada, pousada e lugar de paso. Aquí arribaban varios camiños. Fontán sitúa cinco vías, que son máis contando as bifurcacións de A Xesta. Polo norte partía un camiño cara O Vento e As Cruces, facilmente identificable coa actual estrada. Polo leste, outro camiño dirixíase a Albarellos e aquí bifurcábase pola esquerda cara a Rodeiro e pola dereita cara a Lagoa do Cepo e Chantada. Polo sur outro importante camiño pasaba por Donramiro e Moneixas, onde se bifurcaba. Pola dereita ía a Ermida do Medio, desde onde se podía continuar ao lugar de As Santas (Beariz) e pola esquerda ía por A Xesta, Ponte Noufe e seguía por Puxallos, Santo Domingo e Castro-Dozón, onde volvía a bifurcarse.
Desde Donramiro tamén partía un importante camiño que seguía por Botos, Soutolongo, Vilatuxe, Laro, Aciveiro...
Polo noroeste partía o camiño cara a Prado e Silleda. Ao chegar a Chapa bifrurcábase, como na actualidade, cara a A Estrada e Santiago por Bandeira.
 MERZA  concentraba cinco camiños: un cara a Ponte Ledesma, outro ía a Carbia e á Ponte Basebe, outro ía a As Cruces, outro dirixíase a Carboeiro e cara o sur ía un pola Ponte Sulago e arribaba a A Bandeira.
E finalmente, nunha aldeíña de Lebozán, A ERMIDA, xa nos lindeiros con O Irixo, encontramos unha sorprendente encrucillada de cinco camiños. Un dirixíaxe a Vilatuxe pasando por O Espiño e A Saborida, outro baixaba a Lebozán e continuaba por Vilanova ata Lalín, outro saía polo leste, seguindo a lomba das vertentes e pasaba pola Cruz da Grade, polo Foxo do Cabrito, e por Cotofrío chegaba a San Martiño de Dozón e desde alí continuaba pola Pallota, Pobadura e seguía a Chantada.
Polo surleste saía unha vía que chegaba ao Irixo e polo suroeste dirixíase á parroquia de Carballeda (Irixo) e ascendía a montaña impoñente do Testeiro para conducir a As Santas (Beariz).

1 comentario:

  1. Por iso a existencia de torres fortes ou fortalezas que acolleran guarnicións militares que defendesen eses itinerarios....as tores do medievo

    ResponderEliminar