4 de setembro de 2017

AS ESCOLAS DE AGOLADA NOS ANOS 60


A maioría das escolas dos anos 60 en Galicia atendían a alumnos do ámbito dunha parroquia. Agolada, que pertence á parroquia de Ferreiroa, era unha pequena vila e acollía as tres aulas que existían na parroquia para impartir a docencia: un parvulario, sito na esquina nordeste dos baixos da Casa do Concello e dúas aulas de ensino primario. Estas dúas aulas son as que recolleu naquel entón  Manuel Galego Iglesias nestas fotografías. A da esquerda era a aula das nenas, atendida por Da. Esclavitud Magariños e a da dereita era a escola dos nenos, rexentada por D. Ulrico Sarandeses. As escolas daquela  eran segregadas, agás no parvulario. Ambas as dúas estaban en locais alugados á familia Caldeireiro. Ao estaren situadas nun primeiro andar era preciso acceder a elas por unha escaleira exterior de pedra. Esta circunstancia era especialmente notoria na escola dos nenos, pois tanto a escaleira como o patín no que remataba  diante da porta, carecían por completo de  varanda de protección. Isto visto coa perspectiva actual seméllanos un despropósito, pero naquela época tiña una importancia relativa. Cómpre dicir que descoñezo que houbese accidentes causados por caídas nesa escaleira, aínda coa agravante de estar exposta a xeadas, chuvias e nevaradas.
Ao observar estas fotografías, reparo nas fiestras e na porta da escola das rapazas e sorpréndome ao advertir a carencia de varios dos cristais das ventás. A escola aínda estaba en activo. Non existía calefacción. E a ausencia de cristais convertían a aula nun ventimperio insufrible, especialmente no inverno. A quen ía estrañar, pois, que os nenos padecesen de frieiras.
As escaleiras de ambas escolas compartían un pequeno patio de terra. O patio tamén era usado pola familia propietaria dos edificios. Debaixo da escola dos rapaces estaba situada a cociña. Debaixo da escola das nenas había unha corte e un curro aberto. Adosado á escaleira tiña un caseto de ladrillo dedicado a  matadoiro de becerros, pois os donos  tiñan unha carnicería. Entre a corte e o matadoiro creo lembrar que había un elemental retrete.
Son moitas máis as lembranzas e as condicións que se poderían expresar encol daquelas instalacións. Pero creo que basta indicar que a pesar de que na actualidade se melloraron moito a instalacións e dotación dos edificios educativos, a maioría dos alumnos non se senten máis motivados polo estudo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario