29 de outubro de 2017

MILIARIO ROMANO FRAGMENTADO E REUTILIZADO EN ESPERANTE (AGOLADA)

MILIARIO ROMANO EN ESPERANTE
 Hai algúns días publicamos aquí os resultados máis inmediatos da xornada arqueolóxica que tivemos o privilexio de compartir co ilustre profesor e arqueólogo D. Antonio Rodríguez Colmenero e co seu colaborador D. Juan Manuel Sobrado Vázquez. A xornada tiña como obxecto estudar os posibles vestixios de vías romanas nesta contorna. Da visita a Esperante (Agolada), aldea que se sitúa no antigo camiño que comunicaba a Ponte Vilariño con Agolada, o experimentado ollo de Rodríguez Colmenero identificou na pía-bebedeiro da imaxe de arriba un fragmento de miliario romano. Sería, pois, un miliario seccionado e reutilizado como pía.
Algunhas voces profanas na materia expresáronme o seu escepticismo ante esta afirmación. E a min non se me ocorren mellores argumentos que aportar estoutras imaxes que obtiven no museo arqueolóxico (Provincial) de Lugo e no xardín-museo arqueolóxico de Chaves (Portugal).
MILIARIO DE ARXEMIL (O CORGO, LUGO)

No claustro do antigo convento de San Francisco en Lugo, onde se radica a sección arqueolóxica do Museo Provincial, podemos atopar unha pía-bebedeiro, procedente de Arxemil (O Corgo) identificada como un fragmento de miliario adscrito ás Vías XIX e XX.







MILIARIOS ROMANOS NO XARDÍN DO CASTELO DE CHAVES (PORTUGAL)

No xardín do castelo de Chaves exhíbense diferentes vestixios pétreos, entre os que se pode ver un miliario (foto anterior) e un fragmento de miliario, reaproveitado como pía e moi semellante ao de Esperante.
Que teñen estes dous últimos vestixios que non teña o de Esperante?
O profesor Colmenero, atendendo á sección, diámetro e cicelado non dubidou en catalogar a pía de Esperante como fragmento dunha columna miliaria.
De todo isto infírense importantes conclusións:
- O paso de vías romanas por Agolada é cada vez máis claro (miliario de Esperante e miliario dos Pendellos).
- Elisa Ferreira Priegue estudou o camiño de Esperante como camiño medieval e especulou coa súa orixe romana como vía de segundo rango. Vén a confirmarse a súa hipótese.
- Na identificación desta vía caben dúas opcións: a Vía Dactonium-Aquis Celenis ou a Vía XIX. O profesor Colmenero, en estudos xa publicados, decántase polo trazado Iria-Ponte Ledesma-Merza-Vila de Cruces-Toiriz-Agolada para a Vía XIX. Por tanto, a identificación desta vía como a que procede de Caldas de Reis e vai cara a Monforte é a hipótese máis atinada. Esta hipótese refórzase co topónimo Ponte Pedriña (a medio camiño entre Agolada e Ventosa), os tres miliarios de Saa (Pescoso), o posible miliario-pisón de Cartimil (Ventosa), a vila romana de Porta de Arcos e a ara dos Lares Viais de Santa Baia de Camba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario