20 de outubro de 2017

XORNADA ARQUEOLÓXICA CON ANTONIO RODRÍGUEZ COLMENERO E JUAN MANUEL SOBRADO VÁZQUEZ

Desde hai algúns anos, no Colectivo Baluarte vimos estudando a orixe romana dun dos esteos que soportan un dos pendellos-expositores do antigo mercado de Agolada. Todas as nosas pescudas orientábanse nesa dirección e tivemos a convicción de que se trataba dunha columna miliaria romana. Eramos conscientes da nosa carencia de autoridade na materia. De aí que invitásemos ao máis recoñecido arqueólogo galego no estudo do mundo romano, D. Antonio Rodríguez Colmenero, doutor en Historia Antiga e autor de numerosas publicacións sobre o pasado romano no Noroeste Peninsular. Con el acudiu un dos seus colaboradores, D. Juan Manuel Sobrado Vázquez, investigador igualmente de vestixios romanos asociados ás vías do Imperio.
O pasado día 12 de outubro tivemos o gusto de guialos polos camiños que desde antigo vertebran o territorio aqualatense  e compartir con eles algunhas descubertas que nos reafirman no indubidable paso de calzadas romanas  pola vila dos Pendellos.
Ofrecemos a continuación un resumo do que foi a xornada:

Recibimento nos Pendellos dos invitados, Colmenero e Sobrado.
Antonio R. Colmenero observa atentamente a columna sita nos Pendellos de Agolada.
Observa que a columna foi desvastada por dúas caras, presentanto unha sección elipsoide, no canto da cilíndrica propia dos miliarios.
Colmenero  repara na  presenza de cepo cúbico, característico das columnas miliarias.
Conclusión: Ao tratarse dunha columna anepígrafe non se pode ser categórico, pero de todas as hipóteses posibles a máis crible é a de que se trata dun miliario romano. Hipótese que se reforza co paso de vías romanas pola contorna

 Colmenereo continúa coa visita aos Pendellos con mirada escrutadora. Moitas pedras suscitan o seu interese. Nun pendello recentemente restaurado advirte unha pedra semicircular seccionada lonxitudinal e transversalmente, e da que cre que pode ser igualmente un vestixio miliario.

A visita complétase coa visita a parte do recinto. Reparamos tamén no Marco da Constitución. Nesta pedra advirte un uso anterior ao actual. A pedra xa fora tallada con anterioridade e as labras non se corresponden coas que se suporían nesta saeta invertida. Menhir e Picota son palabras que xurden con espontaneidade mais sen caer en veredictos.

Completada a visita aos vestixios dos Pendellos dirixímonos polo antigo camiño que sae en dirección a Lugo. Detémonos no lugar onde Patrimonio sitúa o Xacemento romano de Bidueiros (no Alto de Corres). Descoñecemos a natureza deste xacemento, mais revelamos que a escasos metros do devandito xacemento aparecera unha cista prerromana. Posteriormente cursamos unha atenta visita á aldea de Lamas (As Trabancas).

Nesa idea de que as vías romanas foron herdeiras das vías castrexas e do neolítico, quixemos visitar o Castro da Gandarela (mámoa con un enorme túmulo do que Colmenero expresou ser o de maior tamaño por el contemplado). Nese traxecto achegámonos ao Castro de Val (As Trabancas). De O Marco só citamos o topónimo como indicador da presenza dun "marco" miliario e as mámoas daquela paraxe. (Monte do Malloco).

Continuamos a visita seguindo o camiño antigo que baixa desde Agolada ata Cadrón, previo paso pola Ponte Vilariño (ano 814). Fomos vendo algúns fragmentos de camiño antigo ata Esperante. Ao chegar á Lagoa, Xaime Varela Sieiro sinálanos un chanto pétreo cravado nunha leira en posición lixeiramente inclinada. O lugar coñécese como o Campo da Anta e disque que serve de lindeiro entre as parroquias de Esperante e Vilariño. Chanto e topónimo parecen aludir a un ortostato dolménico.
Continuamos visita, parándonos na aldea de Esperante. Colmenero e Sobrado reparan en cada pedra.

Antonio R. Colmenero observa no exterior dunha casa esta curiosa pía. Medidas e cilindro permitíronlle afirmar que se trata dun miliario seccionado e reutilizado.















Con Colmenero observamos un pequeno tramo de camiño antigo sito en Esperante.

Desde aí desprazámonos á antiga Ponte Vilariño. Aquí, Antonio Rodríguez Colmenero, fixo gala, ademais dos seus coñecementos históricos e arqueolóxicos, dunha sorprendente vitalidade e forma física. Baixar á Ponte Vilariño desde a estrada local supón ter que enfrontarse a un forte descenso e á posterior ascensión. A iso hai que sumar a irregularidade do terreo, os obstáculos vexetais e un chan esvaradizo sobre arume de piñeiro. El afrontouno coa completa normalidade dun "mozo" de 80 anos.
Observación do gradiente das vías que acceden á ponte e interese pola inscrición medieval, á que non puidemos acceder.

Juan Manuel Sobrado contempla a ponte a pé de río, o Arnego.
Desde a Ponte dirixímonos a un treito de camiño antigo, que une Cadrón e O Castelo.
Valado pola dereita e un ribazo pola esquerda.
Nun treito do camiño (sinalado na imaxe co número 1) alguén observa que hai un segundo camiño case en paralelo (marcado na imaxe co 2). Nunha rápida análise, Colmenero conclúe que este segundo camiño reúne as características propias dunha vía romana.
E nese afán de saber, completamos o tramo deste segundo camiño. E así rematou unha mañá densa e intensa.
A tarde había de ser igualmente laboriosa. Despois do xantar iniciamos as pescudas desprazándonos ata a Ponte Toiriz. Colmenero observa e traduce a inscrición medieval.
Colmenero e Sobrado ollan o Arnego desde a ponte medieval. Pero algo non lle cadra a Colmenero: a distancia entre a inscrición e a ponte. Por iso aventura a posibilidade da existencia doutra ponte.
Ollamos os voluminosos peares pétreos que hai río arriba, paralelos á ponte de formigón.
Na imaxe de arriba, o pear dereito.

O pear esquerdo. Nel Colmenero observa unha posible curvatura de arrinque do arco. Indicámoslle que a lembramos de madeira. E aínda así.

Saímos de Toiriz e continuamos por Brántega (As Torres, O Castro, O Sobrado, A Feira Nova, O Candeiro... ). Subimos a costa do Candeiro, o Valadoiro e chegamos a Merlín. Aquí hai un treito de camiño antigo.
Tamén facemos unha reflexión sobre a improcedencia de ter abandonado a fermosa igrexa románica en favor dun anódino templo de ladrillo.
Na entrada da aldea, restos de camiño coas pegadas dos carros na rocha.
E a continuación, seguindo este camiño, encontramos unha das maiores sorpresas da xornada. Sobrado e Colmenero, case á par, observan os restos dun "agger", que explicamos a continuación:


O "agger" de Merlín é un vestixio inequívoco de vía romana. Aparece completamente escavado na parte central, debido ao paso durante milenios de carruaxes, animais e viandantes. Algo lóxico . A liña de puntos que marcamos indicaría a sobreelevación orixinaria.
Estas lombas "agger" pretendían facilitar o paso en zonas que se enchoupaban facilmente.



"Agger" de Merlín.
Antonio Rodríguez Colmenero, emocionado, expresa que esta descuberta xustifica por si soa a xornada.
Percorremos o "agger" nas dúas direccións. E a convicción da descuberta é clara.
Deixamos Merlín e o "agger". Aínda nos queda a vía que se dirixía a Rodeiro, Faro, Chantada.
Na saída de Agolada sinalamos a Ponte Pedriña, topónimo asociado invariablemente ao paso de vías romanas. E desde aí dirixímonos a San Xoán de Camba para valorar dúas columnas cilíndricas.
Esta da imaxe, usada antano en Ventosa como pisón de terras, posúe características para sospeitar que se poida tratar dun miliario.

Camiño de Inverno, a carón da Casa Forte de Camba.
O Marco do Perdón, a carón do Camiño de Inverno, para Colmenero ten máis visos de tratarse dunha columna, quizais procedente doutra construción (quizais a vila de Porta de Arcos?). A continuación visitouse o lugar onde se radican as ruínas da Porta de Arcos. Prescindimos dos miliarios de Saa, porque xa nos eran coñecidos e da ara dos Lares Viais de Santabaia de Camba.
Casa Forte de San Xoán de Camba. Nas súas inmediacións encontranse os dous últimos marcos cilíndricos aquí presentados. Preto de aquí áchase a antiga vila romana de Porta de Arcos, en dirección a Santabaia, onde se encontrou unha ara dedicada aos Lares Viais, altar que se ofrecía aos deuses dos camiños.
A xornada quedou moi apretada para tantos contidos.
No remate, tivemos na Casa da Neves unha charla con Colmenero e Sobrado sobre o paso de vías romanas pola contorna e unha proxección para aprender a identificar vestixios viarios romanos.
Quedámoslles inmensamente agradecidos aos relatores, a Bico da Balouta polo acompañamento musical, ao Concello pola colaboración e ao digno público, que encheu a sala, pola asistencia.
Ofrecemos todo isto a Agolada: o noso traballo e dedicación, o noso afán por dignificar este territorio, a nosa permanente reivindicación para ver culminada a restauración do Paseo da Parranda e a  desexable dinamización e uso diario das construcións xa restauradas. E valémonos do pouco que conseguimos saber, da difusión que lle procuramos dar, de ilustres personaxes da cultura galega, que desde o seu ámbito profesional nos veñen a ofrecer novas perspectivas e todo o seu saber.

Ningún comentario:

Publicar un comentario