13 de novembro de 2017

PENDELLO-COMEDOR DO BLANCO

Esta construción xa non existe. A fotografía que a retrata nunca existiu. O que vemos na imaxe é a composición de dous fotogramas  dun documental, que nos permiten recompoñer a idea do que foi: un pendello-comedor (denominado do Blanco), sito nos Pendellos de Agolada, no inicio do Paseo da Parranda. Á esquerda, completamente en sombra pode intuírse outro pendello (o do Souto), que tamén era comedor. Ámbolos dous foron os de maior superficie no recinto, ambos sucumbiron á piqueta (1978) cando se ampliou a praza da feira, para dar cabida a un solar que anos máis tarde ocuparía a actual Casa do Concello. Sucumbiron á piqueta e sucumbiron ante o desprezo que esta humilde arquitectura suscitaba naqueles que nunca souberon ver o enorme carácter do conxunto dos Pendellos.
Sendo neno non sabía definir as características deste espazo, mais intuía o seu encanto. No andar dos anos fun advertindo a súa singularidade, a sinxeleza arquitectónica potenciada pola variedade, extensión e disposición das construcións, o innegable pragmatismo que se deducía da súa concepción e finalidade, a historia social, comercial e etnográfica que rodea a este espazo de feira, o seu vínculo íntimo cos camiños que nutrían de feirantes este vello mercado...
Esta imaxe ensínanos un espazo que xa é irrecuperable e non cabe outro sentimento que a resignación. Pero noutros lugares do recinto onde aínda se pode actuar para devolver os Pendellos ao statu quo de 1979, é ineludible a reivindicación diante das administracións pertinentes. E para iso cómpre o apoio expreso e constante dos cidadáns convencidos aos que encabezamos o Colectivo Baluarte, que naceu con este fin principal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario