13 de decembro de 2017

OBRAS DE RESTAURACIÓN EN DOUS PENDELLOS-COMEDOR NO RECINTO DA FEIRA DE AGOLADA

Non sabiamos a data de inicio das obras, pero estabamos á espera desta actuación anunciada pola Consellería de Cultura e polo Concello de Agolada. É motivo para que nos alegremos o pobo de Agolada e os que traballamos desinteresadamente na procura da restauración íntegra do antigo recinto feiral. 
As obras afectan só a dous pendellos-comedor, un sito no Paseo da Parranda (imaxe superior), en zona protexida pola declaración BIC e outro nunha travesía xa moi invadida por novas edificacións, nas que sobrevive un pequeno pendello-comedor situado en zona de respecto (imaxe inferior). 
A recuperación do pendello-comedor da Parranda modificará sensiblemente o aspecto de entrada no recinto, ao asimilar os materiais aos dos demais pendellos e permitirá dotar de cociña e servizos anexos ao pendello-comedor do Sarandeses. Deste xeito completarase esta zona da Parranda, na que teremos operativos catro pendellos-comedor. Sería desexable que despois destas obras se acometese de inmediato a licitación por concurso para abrir nestes locais un mesón-restaurante-cafetería de servizo permanente. Apostando por alguén que emprendese con decisión, intelixencia e bo facer, cremos que non só ofertaría un servizo de hostalería do que Agolada non está sobrada, senón que tamén tería a oportunidade de rendibilizalo economicamente e permitiría crear algúns postos de traballo.

Todos debemos convir en que despois dun investimento de case dous millóns de euros na restauración deste recinto, cómpre tirarlle proveito a estas construcións e non só ocasionalmente. Isto debe ter un uso cotián.
Cómpre tamén que a sociedade se exprese, que os aqualatenses opinemos, que os galegos decidamos sobre a conveniencia ou non de ver este recinto integramente restaurado.
Eu considero que Agolada, por ter o recinto de maiores dimensións de toda Galicia, pola diversidade de construcións que o recinto posúe, por conservar importantes elementos relacionados coa feira (Marco da Constitución, Casa da Audiencia, cabaleiriza, grillón do cárcere, a Capela das Virtudes, un miliario romano usado como esteo nun pendello...) debe ser o gran referente de Galicia na historia das feiras. E ese referente cómpre mantelo no mellor estado e a ser posible completamente recuperado. Por iso é irrenunciable a recuperación de todos os pendellos-expositores da Parranda e retornar o nivel da rúa ás cotas orixinais. Agardamos que ese sexa o paso seguinte que emprenda a Administración (Concello-Consellería-Deputación). Agardámolo os que compoñemos o Colectivo Baluarte dos Pendellos. E deberíao agardar todo o pobo de Agolada e os veciños de Deza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario