6 de decembro de 2017

BANQUETES NUPCIAIS. AGOLADA

    Manuel Galego Iglesias, funcionario da Cámara Agraria, exerceu no trienio 1962-1964 de fotógrafo oficial de feito, sen pretendelo, pois era dos poucos do entorno de Agolada que posuía coñecementos e cámara fotográfica. Retrato persoal, fotografía documento e celebracións de carácter oficial ou relixioso foron algunhas das facetas desta súa segunda actividade. No arquivo, que por parte do seu fillo Pablo me foi confiado, observo que foi reclamado para certificar en imaxes varios casamentos da contorna. A dous deses casamentos pertencen as imaxes que acompañan esta entrada. Das dúas reportaxes quixen escoller escenas dos invitados á voda nese momento alegre do banquete. A perfecta compostura, nun case logrado paralelismo coas liñas das botellas "destiladas", así como unha satisfacción contida nos rostros son características comúns ás dúas imaxes.
    Sen embargo entre as dúas imaxes hai algunhas diferenzas elocuentes. A fotografía de arriba corresponde  a un casamento acontecido en Ventosa. O convite celebrouse nunha palleira, adecentada e equipada modestamente para a ocasión. Sabas brancas colgadas dos muros de cachotería e grilandas vexetais trataban de maquillar aquel espazo destinado habitualmente a almacén de herba, palla e aveños varios.
    A imaxe de abaixo pertence a un casamento dun veciño de Agolada. Nesta ocasión o convite celebrouse nun restaurante dunha  vila próxima, feito que naquel momento era infrecuente por estes lares.
   En ambas as dúas podemos recoñecer aos nosos veciños, parte deles xa falecidos. Co ánimo de restaurar a memoria de quen fomos, traémolas aquí para o goce compartido de recordar as imaxes das persoas na súa plenitude vivencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario