4 de xaneiro de 2018

MOZOS DE SAN PAIO

En San Paio de Bais (Agolada) nos primeiros anos 60 non era habitual a presenza dunha cámara fotográfica. Había que aproveitar algunha cerimonia á que acudise un fotógrafo para retratarse. Manuel Galego acudiu nesta ocasión para facer unha pequena reportaxe dun casamento. Ademais dos noivos, outros familiares e veciños solicitaron unha instantánea que perpetuase a imaxe das persoas. Ese era case sempre o motivo dunha foto. Era vital manter a memoria do que somos, para lembrar no futuro quen fomos.  E así, estes sete mozos, ou seis máis un, compoñen a figura, entrelázanse nun bloque compacto e axustan a mirada para ollar alegres cara o mañá custodiado no interior da cámara. O fotógrafo actúa de fidel notario do momento, mide a luz, enfoca as lentes, busca o encuadre apropiado, escolle a fonte-lavadoiro da aldea de fondo sen que lles reste protagonismo aos suxeitos e enmárcaos no seu contexto inmediato. Medio século despois aínda podemos intuír a trascendencia do momento. Tamén o orgullo da moza que viste delantal de gala pois acaba de servir no banquete da voda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario