13 de xaneiro de 2018

VICISITUDES CONSTRUTIVAS DUN PENDELLO

Na entrada do Paseo da Parranda dos Pendellos de Agolada está este pendello-comedor. Con anterioridade a 1979, data do derrubamento e ancheamento desta rúa, o pendello presentaba o aspecto da imaxe superior.
Amigos dos Pendellos foi unha asociación de carácter cívico-cultural que naceu nunha reunión de media ducia de persoas no café de Ricardo, en maio de 2004. A principios de xuño tivemos a primeira asemblea constitutiva. A miña primeira aportación, como vocal da Directiva, a aquela empresa foi certificar mediante acta fotográfica o statu quo do recinto. Por aquilo de saber de onde partimos e poder despois observar o traxeto percorrido. Das imaxes que tomei naquel momento esta recolle un fragmento do mesmo pendello-comedor que aquí comentamos.
O día de Santa Lucía de 2017 observei este contedor na Parranda e comprobei que se iniciaban as obras de restauración deste pendello tan necesitado de recuperar o seu aspecto orixinal.
As obras foron dándolle forma ao longo de decembro. A cheminea é anuncio da futura cociña.
O pasado xoves, 11 de xaneiro, na anoitecida presentaba este aspecto. Aínda por concluír as obras, felicitámonos por ver lucir de novo o esplendor da pedra ollando o Paseo da Parranda.
Agardamos que aínda que sexa aos poucos, sigamos nas tarefas de restauración dos pendellos deteriorados, de reposición do derrubado (pendellos-expositores da Parranda), de compra de pendellos privados que estean en venda...
E finalmente, procurarllle moita actividade comercial, cultural, festiva a este recinto.

1 comentario:

  1. Como non aparece o sinal do dedo gordo ( pulgar), fareino literalmente. ME GUSTA.

    ResponderEliminar