21 de febreiro de 2018

ORGULLO DE GANDEIRO

Desde o día que un labrego leva a vaca ao boi ata que logra ver un cuxo cebado e criado e preparado para levar á feira transcorren moitos soles e moitos traballos. O día da feira, o 12 n'Agolada -que mellor sitio para vender un cuxo!, alomenos así era antano- levántaste cedo e bótaslle unha ollada longa ao cuxo. Nela vai unha mestura de satisfacción polo resultado obtido e unha parte de cálculo comercial para determinar que cantidade vas pedir polo animal, o froito do teu traballo, do que vives. E velaí, ese día hai unha feliz casualidade, está alí o fotógrafo para captar o momento, para certificar a estampa e a calidade do animal.
O cuxo venderase na feira e rematará como carne selecta nas mellores carnicerías. Pero a súa imaxe, a súa foto permanecerá para sempre con nós para amosar o orgullo do gandeiro e o mimo con que nas aldeas se coidaba esta materia prima.
Quintela, Santa Comba, Agolada. Fernando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario